Friday 20 de September de 2024

A Xunta apoia con 250.000 euros a contratación de persoal para as oficinas municipais de turismo entre xuño e setembro


As subvencións, a través da Axencia de Turismo de Galicia, están dirixidas aos concellos que conten coa declaración de municipios turísticos, trece no caso da provincia da Coruña

Os concellos galegos que conten coa declaración de municipios turísticos terán de prazo ata o día 27 de febreiro para solicitar as axudas convocadas pola Xunta de Galicia e publicadas no DOG do 27 de xaneiro para a contratación de persoal nas oficinas de turismo entre os meses de xuño e setembro.
A través da Axencia Galega de Turismo, a Xunta apoiará cun total de 250.000 euros estas contratacións, das que na provincia da Coruña poderán beneficiarse os concellos de Betanzos, Corcubión, Fisterra, Miño, Padrón, Pontedeume, Ribeira, A Pobra, Santiago de Compostela, Rianxo, Laxe, Cedeira e Muros. O obxectivo, segundo explicou o delegado territorial Diego Calvo, é “colaborar cos concellos no impulso da súa oferta turística nos meses en que máis o necesitan”. Do mesmo xeito, salientou o esforzo económico que se realiza desde o Goberno autonómico, que mantén íntegra a partida de anos anteriores, á vez que lembrou que “esta iniciativa naceu con este goberno, xa que ata entón eran os concellos os que asumían a totalidade dos gastos das súas contratacións”.
Turismo de Galicia garantirá que reciban axudas todos os municipios que o soliciten e que cumpran coas condicións establecidas nas bases. Como novidade este ano salienta a flexibilidade da convocatoria, xa que a subvención concedida destinarase ás necesidades de cada oficina en particular. É dicir, que non hai límites para concentrar a contratación nun período de tempo determinado, sempre que sexa entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, nin para a xornada laboral das persoas contratadas, que si deberán figurar como desempregados no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Sobre este procedemento administrativo pódese obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través da súa páxina web oficial http://www.turismo.gal; nos teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64, e o fax 981 54 63 71; dirixindo un correo electrónico a xerencia.turismo@xunta.es; ou ben presencialmente.